miércoles, 20 de diciembre de 2006

Auga ó prezo de viño, bodas de Canaan??


Auga, fonte de vida.

O Planeta Terra está formado nas súas ¾ partes por auga, ó igual que o ser humán. Cae do ceo, ás veces de forma incontralada i en diversos estados. Discorre polas correntes dos ríos ata chegar ós mares e océanos. En cada momento da nosa vida está presente, ainda que, cada vez máis, corre perigo de escasear. Parece, pois, mentira, que un dos elementos máis importantes que forman o noso planeta sexa no caso que nos ocupa, motivo de discordia e polémica na vila de Samos.

Nos últimos meses ven sendo motivo de noticia case diaria nos xornais da provincia, así como de “chascarrillo” e comentario de veciño o feito de que o Excelentísimo Concello esixe o pago de 360€ ós samonenses en concepto de enganche e contador da “nova “ instalación de traída de augas. “Nova” traida existente dende os anos 50. (Será isto ó que se refiren con “memoria histórica”). O pago de dita cantidad molesta ós veciños tanto polo desembolso monetario correspondente, que consideran excesivo, habida conta que en cidades coma Lugo ascendé só a 70€, coma polas formas un tanto trasnoitadas, pertencentes a outros tempos xa esquecidos, coas que se trata ó pobo neste caso. Refírome ó desprezo ás opinions dun grupo de veciños que trata de forma lexítima de defendé-los seus dereitos, así como a certas amenazas a outros para que paguen de forma inmediata e sen rechistar. Non vou a entrar en defectos de forma á hora de facer efectivo dito pago, que non queda xustificado mási que por un recibo de banco, sen que existan as debidas autorizacións de industria para os contadores, facturas do Concello por dito servizo, da empresa instaladora, etc. Unha auténtica opereta, bueno, unha máis das que organiza esta institución.

Pero insisto, o que máis indignou ós veciños e provocou as reaccións conocidas, son as formas que se utilizaron por parte do Concello e que chegan a rozar actitudes case fascistas. Isto, por exemplo, vese en certos comentarios que fan operarios do Concello acerca de certos cortes que se fan, e feitos quedan, e a ver quen é o “macho” que se opón. Señores, por favor, que as cousas en democracia non se fan así. Dí a Constitución Española que o poder reside no pobo, que é quen vota ós seus representantes para que os representen, para que os defendan, para que lexítimamente xestionen os cartos de todos de forma responsable, porque de non ser así, acábarase convertendo a Samos en “la Marbella gallega”, e non o digo polas praias nen o clima, e tampouco pola xestión urbanística (¿Ou si?).

Pero sigamos cargando o carro dos despropósitos. Unha desta amenazas, que se fixo efectiva, foi ó mesmísimo Cuartel da Garda Civil desta localidade. Esta institución, señores do Concello, é un servizo ós cidadáns dos poucos que quedan en Samos (ainda que ó paso que levamos, creo que será un dos últimos), tanto no ámbito da propia seguridade como para realizar determinadas xestións que, de non estar aquí, terían que realizarse en Sarria, Lugo, Monforte ou donde queira que nos manden. Creo que non é de recibo o trato que se lles deu (tamén con certos comentarios dos “balillas” de mono azul), tendo en conta que o tema da Benemérita en Samos xa está candente por outras polémicas. Perderase o Cuartel, seguro, verémolo axiña. Primeiro as urxencias, despois a Garda Civil, despois Correos, e por último o Colexio Público.

Pero a guinda deste pastel institucional púxose esta semana pasada. Despois da esixencia ameazante de pago, previa comunicación postal con acuse de recibo (agora respétanse as formas ó máximo), despois das ameazas e cortes exemplarizantes “para escarmiento público”, despois de todo isto, resulta que a auga da “nova i excelsa traida de augas” NON É POTABLE. Si señores, os veciños non poden bebela porque sae con terra, dá mal olor, e por si fora pouco, intoxica a unha ducia de alumnos do Colexio Público, que ten que mercar auga embotellada. A outra institución que nos queda no pobo, que cumplirá os seus 25 anos de existencia dentro de pouco, que reprentou un día a ilusión dun nutrido grupo de alumnos, de pais e de profesores, que representa ós futuros cidadáns de Samos, tamén se ve ameazada por unha auga ASQUEROSA, con maiúsculas. ¿Coñecen a palabra VERGOÑA, señores do Concello?. Creo que non . Porque a máis mínima das dignidades humanas, da que estou seguro que carecen, sentiríase avergoñada ante esta situación. Non só pretenden financiar os “actos culturais” dos que se veñen facendo eco nestes últimos anos, consistentes en rendirlle pleitesía ó señorito de Lampazas cos cartos dos veciños, senón que ademáis fano con métodos fascistas e ainda por riba nin siquera son capaces de ofrecer un servizo adecuado de augas. Ó mellor é que pretenden acelerar ainda máis o alarmante descenso da poboación deste Concello, contaminando á xente. Así, deste xeito, xa non haberá que ofrecer servizos, porque non haberá a quen. Pero coidado, que tamén se perden concelleiros co descenso poboacional, así que a bicoca vaise acabando.

Non vou negar o que se fixo por Samos nestes últimos anos, non vou negar que se adecentou o aspecto da vila, que se puxo unha iluminación pública adecuada, que o pobo en xeral está mellor que hai quince anos, pero si quero deixar claro que se o Sr. Alcalde quere retirarse desta, non buscou a mellor forma de facelo, salvo que quiera emular a Aznar e sair pola porta de atrás. Isto leva cara de parecerse ó conto da vaca que daba moito leite pero que dunha patada derramaba o balde polo chán. Apelo ó sentido común, se lles queda algo, para que esta situación chegue a bon porto, co consenso dos veciños e o Concello, e sobre todo que o servizo sexa adecuado, que cos cartos poderase xogar, pero coa saúde de todo un pobo non. E de non tomar medidas, caiga sobre o Excelentísimo Concello todo o peso da xustiza, que quizás sexa ó final quen teña que resolver este conflicto.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Il semble que vous soyez un expert dans ce domaine, vos remarques sont tres interessantes, merci.

- Daniel